Lugo, 22 de setembro de 2022. Lugo aposta pola inclusión e así o demostran as diferentes accións de apoio de Deputación e Concello ás iniciativas que desde hai anos desprega a Asociación de Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social na provincia. Esta mañá foi outro exemplo de colaboración e tanto José Tomé, presidente da Deputación, como Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, participaron na inauguración da mostra fotográfica “Unha asociación de persoas para as persoas” e presidiron tamén, conxuntamente co presidente de Cegasal, José Antonio Vázquez, a mesa redonda sobre “contratación socialmente responsable”, no Pazo de San Marcos.
A reserva de contratos aos centros especiais de emprego de iniciativa social (coñecidos tamén como ‘sen ánimo de lucro’) como instrumento para o impulso de emprego entre as persoas con discapacidade centrou a interesante xornada de traballo na que participaron concelleiros e técnicos de emprego de diferentes concellos, así como xerentes e directores de varios centros de emprego que forman parte de Cegasal.
Tanto o presidente da Deputación como a alcaldesa de Lugo destacaron nas súas intervencións o labor que realiza a asociación galega desde a súa creación hai xa 25 anos e apuntaron ás políticas de emprego como “o piar das políticas sociais”.
Unha aposta coa que desde Lugo queren reverter as altísimas porcentaxes de desemprego entre as persoas con discapacidade, que Cegasal vén denunciando desde hai anos.
Unha reportaxe que documenta o día a día dos traballadores
Previamente, as autoridades participaron na inauguración da mostra fotográfica composta por 24 imaxes concibidas como reportaxe documental polo fotógrafo galego Diego Silva. Silva realizou este traballo ao longo de dous anos e medio en once dos 32 centros especiais de emprego que forman parte da asociación. O autor conseguiu captar de forma maxistral co seu cámara a actividade diaria dun grupo de traballadores con discapacidade.
Con esta iniciativa a asociación que preside José Antonio Vázquez Freire pretende dar maior visibilidade ao traballo que realizan as empresas de iniciativa social, destacando ao mesmo tempo as capacidades dos seus traballadores.